O Bng de Vilaboa anuncia a renuncia á acta de concelleira e, por tanto, de voceira municipal, de Ornela Fernández Salgado e que fará efectivo no pleno ordinario celebrado o vindeiro venres 30 de xullo.
Nunha carta de despedida explica os motivos da súa marcha tras 14 anos no cargo:
«E despois de 14 anos, chegou o momento de deixar o meu cargo como concelleira do concello de Vilaboa. Chega o momento de pechar esta etapa da miña vida. Foi unha honra e orgullo ocupar este cargo, pero son firme defensora da non perpetuidade nos cargos públicos e, desde moi nova, descubrín que, nesta vida, todas as persoas somos necesarias, pero non hai ninguén imprescindible. Tras tres lexislaturas e media de concelleira, e 10 liderando a candidatura do BNG de Vilaboa, é tempo de deixar paso a novas compañeiras, que teñen ilusión e ganas e unha gran capacidade de traballo. Sempre defendín que as renovacións consensuadas, nas que non se perda a continuidade dos proxectos, son os mellores exemplos de transparencia e rexeneración, e esta é unha delas. Este é un proceso de renovación natural e necesario para seguir traballando, todas e todos xuntos».