A Policía Local de Marín fixo esta mañá balance das actuacións máis relevantes levadas a cabo durante os dous días máis grandes das Festas do Carme, para as que se preparou un dispositivo especial de seguridade co obxectivo de velar polo cumprimento das medidas de prevención contra a Covid19 e de xestionar a afluencia de tráfico e de persoas esperada para estas xornadas.

Desde o corpo de seguridade local afirman que, de xeito xeralizado, “as festas desenvolvéronse con normalidade e cun cumprimento das medidas”. Neste contexto, fan un especial agradecemento á hostalaría, que en todo momento prestou colaboración cos axentes da Policía Local e que cumpriu por regra xeral a normativa pautada polo Plan de Hostalaría Segura.

Así a todo, si que foi preciso actuar nun establecemento hostaleiro da localidade no que se detectaron incumprimentos desta normativa, poñendo en risco a saúde pública. Tal e como explican os axentes, neste local superábase en máis do dobre o aforo permitido e se consumía en barra (acto non permitido). Ademais, algúns dos comensais non utilizaban correctamente a mascarilla e había mesas sobrepasando o número máximo de persoas.

Ante esta situación, a Policía Local e a Policía Nacional, os dous corpos que
actuaron nesta intervención, procederon ao peche do establecemento,
“que se levou a cabo de maneira coordinada e sen altercados”. Ademais, outros dous locais requeriron a presenza dos axentes para axudar co desaloxo de xente, pechando incluso antes da hora establecida (01.00 horas) para evitar que a situación fose a mais.

No que respecta ao horario de peche, a Policía indica que non foi preciso levantar ningunha acta por incumprimento, “o que demostra de novo a gran profesionalidade do sector no municipio”. Con respecto ao botellón, foi preciso actuar nalgúns espazos, procedendo á disolución dos mesmos.

Concertos da Praza de España

A Policía Local tamén prestou un servizo especial para o desenvolvemento dos concertos de DVicio e París de Noia, que tiveron lugar na Praza de España, e que se levaron a cabo “con total normalidade, sen ningún incidente e cun cumprimento total das medidas sanitarias e os protocolos de seguridade establecidos”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *