Chega unha nova edición do espectáculo ‘A defensa dá vila María Soliña’ que terá lugar do 12 ao 15 de outubro. Unha representación que nos traslada ao 1.617 e na que participan numerosos colectivos de Cangas, todos eles coordinados pola Asociación cultural que da nome ao evento.
Precisamente, esta mañá o salón de plenos do Concello retrocedeu no tempo e encheuse de canguesas e de cangueses ataviados con roupa da época e dispostos a revivir a vida dunha muller, María Soliña, que acabou por converterse en «símbolo universal das inxustizas e que tivo que pelexar para ter o seu lugar», explicou o actor Salvador del Río, membro de Teatro de Ningures. En total serán máis dun centenar de persoas as que se suban ao escenario nunha representación que busca revivir o sufrimento e a coraxe de Soliña.
Así, tanto desde a Asociación como tamén desde o Concello, en palabras da alcaldesa, Araceli Gestido, animan a todo o pobo de Cangas a vestirse para a ocasión durante estes catro días nos que non só haberá teatro senón que contarán coa tradicional Feira dos Invasores desde o venres ás 19:00 horas, seguido do pregón a cargo de Teatro de Ningures, obradoiros, concertos, roteiros guiados e actuacións infantís.
A gran representación ‘A defensa da Vila. María Soliña’, con textos de Xosé Manuel Pazos e o poema de Celso Emilio Ferreiro, será o broche de ouro o domingo ás 20:00 horas.
O itinerario será o seguinte: