Marín quere modernizarse e mostrarse moito máis atractivo, tanto interna como externamente. Para iso o Concello creou unha nova marca baixo o lema `Marín, un xeito de ser´. Trátase dun distintivo corporativo que se utilizará tanto na documentación oficial interna do Concello como tamén en todas aquelas campañas de imaxe e promoción que se realicen a partir deste intre. En ningún caso esta marca substituirá ao escudo institucional, senón todo o contrario, servirá de apoio.
Esta nova imaxe foi presentada esta mañá nos xardíns anexos ao Concello pola alcaldesa, María Ramallo, ademáis de por as concelleiras Cristina Acuña e Marián Sanmartín. Ramallo explicou que se trata dun logo e unha frase «moi pensados e meditados» realizados por profesionais que achegan «unha imaxe renovada» enfocada ás novas ferramentas de comunicación como son as redes sociais.
`Marín, un xeito de ser´
“Temos unha maneira de ser moi nosa que temos que reinvidicar e revalorizar”, explicou a rexedora en relación a porqué elixiuse o lema principal `Marín, un xeito de ser´ como paraugas que engloba ás futuras campañas e mensaxes que poidan ir realizándose. Ademais, engadiu a alcaldesa, esta marca poderá ser utilizada en contextos turísticos e de promoción máis alá de Marin, aínda que o prioritario é “que sexa a cidadanía marinense quen a apadrine e que se sinta representada nela”.
En canto ao logo, o corazón superior apela ao «sentimento», conta con formas redondeadas e suaves demostrando «orgullo e confianza».
Un vídeo en redes sociais
Ademais do logo, e a frase tamén se elaborou un vídeo no que participaron os veciños de Marín e que se poderá ver mañá, sábado, ao mediodía nas canles oficiais do Concello.
“Agora iremos pouco a pouco implementando a marca nalgúns soportes que precisan dunha renovación gráfica e en toda a cartelaría que se vaia realizando”, engadiu a alcaldesa.