A orquestra París de Noia será outro prato forte do programa para o 16 de xullo, xunto coa maxia de Pedro Volta o 17

Marín terá unhas Festas do Carme cheas de dinamización, de espectáculo e de seguridade. Desde hai semanas, a Concellaría de Festas vén traballando para artellar unha programación que xunta o espírito do ano pasado, con dinamización musical e de ocio de pequeno formato por varias prazas e rúas de Marín, coa posibilidade de facer eventos de maior envergadura seguindo os protocolos da Xunta de Galicia elaborados a tal efecto.

Dúas das localizacións que permiten maior aforo e capacidade de control e seguridade para realizar eventos, o aparcadoiro de Praza de España e o Parque Eguren, acollerán grandes citas nos días grandes das festas. O xoves, 15 de xullo, haberá concerto do grupo Dvicio na Praza de España. Esta banda española de música pop latina formouse na cidade madrileña de Rivas-Vaciamadrid e ten na actualidade un enorme éxito polo seu traballo, o que lles levou a fichar pola compañía Sony Music en 2013. En 2014 saíu o seu primeiro sinxelo, Paraíso, que os catapultou á súa actual fama.

O Día do Carme, 16 de xullo, o Concello ten prevista unha actuación da Orquesta París de Noia, tamén no aparcadoiro da Praza de España, sempre e cando saia todo ben na proba piloto organizada pola Xunta de Galicia para o sábado próximo, na que actuará Marbella.

Finalmente, o sábado, 17 de xullo, a maxia da calidade máis alta chegará ao Parque Eguren da man de Pedro Volta. O ilusionista ten preparado un espectáculo que deixará ao público coa boca aberta, con trucos impresionantes que xa son marca da casa nas súas postas en escea.

Precaución e medidas

Desde o Concello reiteran que toda a programación das festas contará coas medidas sanitarias esixidas ata o momento e adaptándose sempre aos protocolos vixentes. Tamén fan un chamamento ao civismo da veciñanza para manter a precaución, a pesar das boas cifras relativas á pandemia que hai no noso Concello, e sobre todo o máximo respecto cara as medidas, para garantir que toda esta programación poida levarse a cabo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí