Antonio Durán ‘Morris’.

A MITCFC valora a dilatada traxectoria e a “capacidade creativa excepcional” do actor

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) acordou conceder o Premio Xiria ao Labor Teatral 2026 ao actor Antonio Durán ‘Morris’ (Vigo, 1959). A organización da Mostra outorga este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional como actor, tanto no eido da comedia como do drama, “cunha capacidade creativa excepcional que lle permite interpretar personaxes complexos ou populares e conmover aos públicos máis diversos”.

O actor vigués recibe cunha “alegría tremenda” este galardón, “sobre todo vindo de xente que comparte o camiño que eu recorrín”. Morris considera que é un “premio colectivo” que recoñece a traxectoria “dun montón de xente, tanto das persoas que xa non están como de outras que seguen a facer un esforzo titánico” nesta profesión. O premio será entregado o sábado 4 de xullo, ás 22:00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas.

Morris foi impulsor e cofundador no ano 1978 en Vigo da compañía ‘Artello’ e da Sala Carral, “imprescindibles na modernización do teatro galego”, tal e como sinalan desde a Mostra. Desde os inicios da súa carreira, cando apenas era un adolescente, o actor traballou activamente na profesionalización e dignificación da profesión actoral así como na consolidación do sistema teatral galego. En 1984 participou na creación do Centro Dramático Galego. A MITCFC considera que ‘Morris’ é hoxe “un referente indiscutible tanto para o público como para o sector escénico de Galicia”.

Cunha carreira interpretativa de case 50 anos, Antonio Durán traballou en máis dun cento de obras audiovisuais e é un dos rostros máis célebres e recoñecidos do cine, da televisión e do teatro en Galicia. ‘Morris’ gañou en seis ocasións o Premio Mestre Mateo. Ademais, é merecedor dun Premio Feroz polo súa interpretación na serie Fariña, «e catro nomiacións aos Premios María Casares pola súa actividade teatral».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *