O cemiterio municipal de Moaña.

A normalidade vaise instalando aos poucos na vida diaria e nas festividades. E no Día de Todos os Santos, tamén. Despois de dous anos sen realizarse, este 1 de novembro de 2021 volverá oficiarse a misa de defuntos que tradicionalmente se celebraba no cemiterio municipal de Moaña e que tivo que deixar de facerse pola pandemia do Covid-19. Será ás 17:00 horas do luns sen restricións de aforo ao ser un acto que ten lugar ao aire libre.

É consecuencia dos bos datos de contagios no municipio e a relaxación das restricións por parte da Xunta. De feito, en materia sanitaria xa non existen restricións concretas para esta xornada, que se rexerá polo dispositivo de seguridade e vixilancia posto en marcha en anos anteriores ao Covid. Aínda así, si será necesario que os usuarios cumpran as normas establecidas de uso da máscara e de distancia social entre as persoas.

Precisamente para evitar aglomeracións, desde o Concello de Moaña este ano adiantaron os traballos de limpeza e mantemento dos camposantos municipais de Trigás e Domaio e que non coincidan os operarios coas persoas que se achegan aos cemiterios para acondicionar os seus nichos e panteóns. Executáronse na última semana e xa están a punto para recibir aos familiares nestes días previos ao 1 de novembro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *