O 29 de setembro, a Avenida de Ourense e a Praza de España volverán ser a pista de cerca de 700 deportistas. O evento, presentado esta mañá no Concello, xa é unha cita ineludible do calendario atlético galego
O San Miguel non se entende sen a Milla Urbana, un dos eventos deportivos máis lucidos dos que se celebran en Marín, que enche a Avenida de Ourense e a Praza de España do mellor atletismo galego. O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador da carreira, Víctor Riobó, presentaron onte o evento, xunto co presidente do club San Miguel, Carlos de la Torre.
Espérase a asistencia de cerca de 700 corredores, que farán o circuito de 400 metros entre a farola e o parque infantil da Avenida de Ourense (excepto no caso da milla absoluta, que será ata os semáforos frente a Nodosa).
A partir das 18.00 horas dará inicio a carreira cos participantes de Sub16, Sub14, Sub12 e Sub10, para despois dar paso aos máis pequenos. A partir de entón, correrán os da Milla Absoluta e a Milla de Élite.
Tal e como explicou Riobó, na Milla contaremos coa presenza “de corredores de moi alto nivel, como Carlos Porto, David de la Fuente, Gustavo Santiago, Hugo García ou Pablo Bocelo, así como no eido feminino con Xela Martínez, que está batendo todos os records na súa categoría; Isabel Caeiro, que acaba de empezar en Sub20 ou Blanca Fernández, do Club San Miguel”.