Na última reunión da Mesa Local da Sanidade celebrada na tarde de onte os membros asistentes acordaron presentar no próximo pleno ordinario unha moción para esixir á Xunta a restitución das urxencias á Casa do Mar de Moaña e a volta á atención presencial a cocientes anteriores á pandemia. Dúas reivindicacións que colectivos e goberno local levan reclamando desde que se reduciron as restricións polo Covid-19. Agora, con este paso, buscan alcanzar un acordo da corporación moañesa para trasladarlle a demanda á Consellería de Sanidade dunha forma institucional e conxunta que permita ao Sergas aceptar a petición.
«O que xa non se pode comprender é que nestes momentos nos que se ten practicamente superada a pandemia, en Moaña sigamos sen urxencias e sen recuperar os ratios de consultas presenciais anteriores, ademais de soportar atrasos moi importantes nas citas de atención primaria», expoñen na moción na que engaden que «a permanencia destas medidas ilóxicas por parte da Xunta só perseguen o obxectivo de continuar co desmantelamento da rede pública sanitaria, potenciando o transvasamento de enfermos ás redes privadas».
Na proposta tamén recollen apoiar a mobilización convocada pola Plataforma SOS en Defensa da Sanidade Pública para o 14 de novembro en Santiago onde se reclamarán máis medios para a atención primaria.