Ao redor de 2000 persoas, segundo a organización, asistiron á manifestación celebrada esta mañá para volver esixir ao Sergas o regreso das Urxencias ao PAC de Moaña. A convocatoria, na que invitaban a acudir de negro e con velas, foi realizada pola Mesa Local da Sanidade para simbolizar a defunción da Atención Primaria no municipio. Unha reivindicación fundamental á que tamén se unen a cobertura das vacantes tras o concurso e unha ambulancia de reforzo para a comarca. Nesta ocasión, a marcha contou con representantes do goberno local de Cangas, ainda que a lectura do manifesto correu a cargo da alcaldesa e presidenta da Mesa, Leticia Santos.
A protesta arrincou ás 11:00 horas da rotonda do Portal do Almacén, discorreu pola rúa Ramón Cabanillas ata a rotonda do Concello para terminar diante do centro de saúde de Ramón Cabanillas.