As persoas interesadas en contar cun funil ou saber máis sobre o proxecto poderán achegarse este xoves á mesa informativa que se situará na contorna da Praza de Abastos

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo promove unha campaña informativa da recollida separada de aceite de cociña usado para destinalo á valorización para a obtención de biocarburante, e por iso repartirá de balde un total de 9000 funís entre a cidadanía da comarca que o solicite. O ente supramunicipal conseguiu para iso unha subvención de preto de 7.000 € á Xunta de Galicia que conta co financiamento do fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da EU no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Unión Europea – Next GenerationEU.

Aproveitando a axuda vaise levar a cabo unha campaña informativa de recollida separada de aceite de cociña usado, que consistirá no reparto dos funís e folletos entre a poboación co obxectivo de fomentar a reciclaxe deste residuo. Precisamente, este xoves, 15 de decembro, disporase na contorna da Praza de Abastos de Bueu entre as 10 e as 12 horas unha mesa na que se fará reparto deste material por parte da mestra composteira municipal. Así e todo, a veciñanza que non poida asistir e queira dispoñer dun funil poderá solicitalo a través do correo info@mancomunidadedomorrazo.gal ou dirixirse presencialmente ao Concello.

O obxectivo da campaña é concienciar á poboación, pois está demostrado que 1 litro de aceite pode contaminar ata 1000 litros de auga, sendo un dos materiais máis daniños para os nosos mares e ríos. Así mesmo, e segundo se explica nos materiais informativos, a eliminación do aceite doméstico nas depuradoras é moi custosa e pouco eficiente, crea atoamentos nas tubaxes e favorece a aparición de malos cheiros, ademais de impedir o intercambio de osíxeno nos ríos asfixiando aos seres vivos. Pola súa parte, reciclar este material ten moitas vantaxes, pois co aceite recollido pode obterse un combustible renovable e máis respectuoso co medio ambiente, e cada tonelada de aceite recollido e transformado en biocarburante representa un aforro de 3 toneladas en emisións de CO2.

De todo iso informarase na mesa programada para mañá en Bueu, e tamén nas que se organizarán ao longo dos próximos días no resto de municipios da Mancomunidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *