O ente supra municipal solicitou unha axuda para levar a cabo unha campaña de sensibilización sobre a recollida selectiva de aceites usados na que se repartirán funís entre a poboación
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo avanza estes días na tramitación de varias liñas de subvencións que permitirán unha mellora dos servizos que se prestan e que teñen que ver coa recollida do lixo. Así o informa Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual do ente supramunicipal, quen destaca que “a Mancomunidade está acelerando a mellora do complexo medioambiental para reverter a situación na que estivemos os meses anteriores e ir resolvendo diversas cuestións técnicas”. E é que, unha vez conseguidas as autorizacións sectoriais do servizo de patrimonio e da AXI, proximamente procederase á adxudicación do contrato para acometer a obra de pavimentación do exterior do recinto, que permitirá dar cumprimento ao requirido por Sogama.
Así mesmo, en canto á substitución do equipo de compactación da planta de transferencia de residuos sólidos urbanos, unha vez presentada a documentación por parte da empresa, o seguinte paso é adxudicar e formalizar o contrato, para comezar despois cos traballos, para os que hai un prazo de execución de catro meses e que están orzamentados en 242.025,69 €. Como complemento a este equipo, a presidencia acaba de aprobar por resolución a adxudicación da obra de desmonte e montaxe da cubrición do silo, que será levada a cabo por Canalizaciones y Construcciones Salnés SL cun importe de 15.834,58 €.
Tamén nestes días se solicitou unha subvención de preto de 7.000 € para levar a cabo unha campaña informativa de recollida separada de aceite de cociña usado, que consistirá no reparto de funís entre a poboación, co obxectivo de fomentar a reciclaxe deste residuo. As axudas pertencen á Xunta de Galicia e contan co co financiamento do fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da EU no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, da Unión Europea – Next GenerationEU.
Doutra banda, continúan os traballos para a renovación da contenerización por toda a comarca. Estes días estase rematando coa substitución dos 250 colectores de carga traseira; e tamén se comezou coa montaxe do lote de 130 de carga lateral. Segundo salienta Juncal, “isto supón unha renovación parcial que se irá completando con outras licitacións de subministros de máis contedores, co obxectivo de cubrir os lugares dos tres concellos”.