A concelleira e os organizadores co cartel.

Despois de dous anos de parón, a proba celebrará a súa sétima edición, cunha opción federada de 25 km e outra de 15 km. Será o día 6 de marzo

O miradoiro de Portocelo serviu como escenario esta mañá para a presentación
da VII Andaina de Montes e Praias de Marín, que será o domingo 6 de marzo, con saída ás 09.00 horas da Alameda Rosalía de Castro. Estiveron presentes o representante do Club de Montañismo Xesteiras, José Francisco Gil Dopazo; a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, e a presidenta da AECC de Marín, Emilia
Rey Parada.

Esta edición chega despois de dous anos de parón pola covid, “polo que vimos con moitas ganas”, asegurou Gil. Hai dúas modalidades de participación: a andaina popular, de 15 km, e a andaina deportiva, de 25 km, “algo máis dura e esixente, pensada para persoas que están acostumadas a camiñar polo monte”, asegura Gil.

Neste caso, ademais, a ruta variouse nun 90%, polo que persoas que xa a teñan feito poden repetir e descubrir novos lugares. “Pasaremos por sitios emblemáticos como o punto no que se unen Marín, Vilaboa e Moaña no Lago Castiñeiras, as fervenzas do río Neibó ou as propias praias, que son un clásico da andaina”. Ademais, a proba de 25km é federada (aínda que poden participar nela persoas que non estean federadas), e está dentro da Liga Nacional de Sendeirismo.

Inscricións

As inscricións deben realizarse neste link: https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/vii-andaina-montes-e-praias-de-marin-25km/?lang=es

Cerraranse o día 1 de marzo por cuestións de organización e as da andaina de 25km xa van pola metade.

Cinco euros de cada inscrición será unha doazón en favor da asociación do cancro de Marín. A súa presidenta explicou que se trata “dun evento saudable, que nos encanta, no que vemos que a xente repite e que serve para visibilizar todo o traballo que facemos desde a asociación”.

Ao mesmo se referiu a concelleira de Turismo, que explicou que esta andaina “é xa unha data de referencia no calendario de Marín, sobre todo por esa parte social e solidaria que ten, pero tamén como un momento perfecto para coñecer mellor a nosa vila”.

Bolo do Pote

A celebración da andaina, como xa é tradición, coincidirá co Bolo do Pote, organizado por Pousos da Area e que estará aberto a todos os que lles apeteza desfrutar deste trasdicional plato típico do tempo de Entroido.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *