A Mancomunidade do Morrazo xa creou a Comisión que se encargará de elaborar a memoria económico-financeira que avale a recuperación do servizo de recollida do lixo nos tres concellos que a compoñen, Cangas, Moaña e Bueu. Este organismo estará composto polas tres alcaldías, aínda que presidido pola de Moaña, e terá como secretaria á nova xerente. Tamén formarán parte a Secretaria, o Interventor e o Tesoureiro da Mancomunidade e poderá participar en momentos puntuais outra institución, empresa ou persoa privada en caso de requirirse.
A Xunta Local deu onte o visto e prace a este sistema e tamén á continuidade do servizo por parte de Urbaser ata que a Mancomunidade teña todo listo para ser ela quen ofreza o servizo de recollida de lixo de forma directa. O contrato terá o mesmo custo que o actual e renovarase mes a mes.
Se se necesitase ampliar o servizo nalgún momento puntual, Urbaser tamén enviou unha proposta que a directiva do ente supramunicipal está a estudar ao tratarse dun extra sobre o contrato.