O gasto municipal incrementouse en máis de 1 millón de euros para cubrir prestacións básicas como o subministro eléctrico, as horas do Servizo de Axuda no Fogar, o abastecemento, o saneamento e outros labores básicos de mantemento
A inflación que rexistra actualmente a economía española está a afectar a todos os concellos, administracións, fogares e, en xeral, a todos os prezos de mercado. Neste contexto, a prestación de servizos públicos encareceuse enormemente no último ano, descuadrando todos os balances económicos cos que se traballa previamente á subida incontrolada de prezos. Por iso, o Concello de Marín estivo traballando nestes meses nun plan de reestructuración dos impostos e taxas municipais para poder adaptalos á realidade do mercado, despois de 16 anos cunha política de conxelación total dos mesmos.
“A situación na que nos atopamos está sendo difícil para todos e cambiou tanto as perspectivas económicas coas que traballamos como as previsións de gasto”, explicou esta mañá o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, que adiantou esta información hoxe na Comisión Informativa da súa área.
Tal e como indicou Santos, “prestar os servizos públicos máis básicos no Concello encareceuse no último ano en case máis de 1 millón de euros” e aportou algúns datos concretos de partidas esenciais que se “inflaron” case sen parar nos últimos 12 meses.
“Pagamos 700.000 euros máis ao ano polo subministro eléctrico, 200.000 euros anuais máis polo Servizo de Axuda no Fogar e temos calculado un aumento e entre o 30 e o 40% en cuestións como o abastecemento, saneamento, limpeza viaria, desbroces, servizos nas praias, mantemento de instalacións municipais, enerxía e carburantes ou materias primas e man de obra”, detallou Santos.
Por iso, aplicaranse subas nalgúns impostos municipais, comezando polo IBI e o IVTM, o imposto sobre vehículos de tracción mecánica. “En ambos casos, falamos dun pequeno incremento, que nos permitirá mellorar a capacidade de recadación e que non se aplicará ata o 2024”.
O IBI subirá un 5,45% e manterá todas as súas bonificacións
No caso do IBI, ademais de levar conxelado 16 anos, ten como referencia os valores
catastrais que se aprobaron hai 37 anos, xa que a ponencia que os regula data de 1988.
Polo tanto, “temos uns importes moi desactualizados en comparación coa realidade actual”.
De feito, a comparativa da recadación que se fai en Marín co IBI con respecto a outros concellos, mostra este agravio con claridade:
Aplicando esta subida, “conseguiremos recadar 2.878.091 euros”, detalla o edil de
Facenda. Non se aplicará ata setembro de 2024 e por suposto manteranse todas
as bonificacións existentes ata o momento:
● 90% de bonificación nos proxectos de urbanización
● 50% de bonificación para viviendas protección oficial
● 95% para fincas rústicas das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria
● 40% a titulares de familias numerosas
O IVTM subirá un 3,45% para os turismos e bonificarase nun 75% aos vehículos eléctricos
A suba da popularmente coñecida como “viñeta” pasará a ter unha cota de 1,45 para os turismos, que serán os únicos aos que se lles subirá. O resto de vehículos manterán o actual coeficiente do 1,4.
Ademais, na normativa vixente ata o momento, bonifícase ao 100% o pago do IVTM para vehículos históricos e para os que teñen unha antigüidade superior a 25 anos.
“A día de hoxe”, explicou Santos, “toca traballar pola sostibilidade e a reducción na emisión de gases de efecto invernadoiro para loitar contra o cambio climático. Por iso, non se pode seguir bonificando aos vehículos que máis contaminan, polo que esta exención será eliminada”. Pola contra, a novidade será a implementación dunha bonificación do 75% durante dous anos para vehículos eléctricos, moito menos contaminantes.
No caso da “viñeta”, a súa suba notarase no peto da veciñanza a partir de marzo de 2024.