Xa se recibiron 38 solicitudes e lembra aos hostaleiros que deben presentar esta documentación a través da sede antes do 31 deste mes

A posta en marcha da nova ordenanza de regulación da ocupación do espazo público por parte de veladores e terrazas da hostalaría obriga aos hostaleiros a renovar a súa licenza. Este trámite, obrigatorio para poder colocar as terrazas, ten que facerse a través da sede electrónica do Concello antes do 31 de xaneiro.

De momento, segundo informou a concelleira Marián Sanmartín, recibíronse 38 solicitudes. Sanmartín explica que a documentación que se lles require agora para a tramitación da licenza “serviralles durante os próximos tres anos, sempre e cando non haxa un cambio na terraza. Durante estes anos, para renovar a licenza será abondo con presentar unha declaración responsable”.

Ademais, a concelleira lembra que con esta nova ordenanza permítese fraccionar en tres pagos esta taxa, que, tal e como lembra a concelleira, “comezará pagarse agora no 2022 despois de dous anos de exención total, unha medida que tomamos para facilitar as cousas a un sector que se viu especialmente afectado polas restricións sanitarias”.

A solicitude debe facerse a través da sede electrónica, accedendo nesta ligazón.

Unha ordenanza para homoxeneizar a estética e reordenar o espazo público

Coa nova ordenanza aprobada en outubro do ano pasado, valorarase moito máis a estética das terrazas, coa finalidade de homoxeneizar o espazo público e loitar contra o feismo. Proporanse múltiples opcións dentro dunha mesma liña estética dos principais elementos de mobiliario: mesas, cadeiras, paraventos, parasois, toldos, toldos telescópicos…

Realizarase un control aínda máis exhaustivo para garantir que se cumpre coa normativa e non se dan situacións nas que non se respecte o espazo público para o tránsito de peóns.

Ademais, amplíanse os horarios de instalación e retirada das terrazas. A instalación ata agora era ás 09.00 durante a semana e ás 08.30 durante a fin de semana. Agora pasará a ser a partir das 08.00 todos os días. Sobre o peche, ata agora no inverno era á 01.00 durante a semana e ás 02.30 na fin de semana, e entre o 1 de abril e o 30 de setembro estes horarios ampliábanse ás 02.30 e ás 03.30 respectivamente.

Ca nova ordenanza pasará durante todo o ano e todos os días ás 02.30 no caso dos bares e terán 30 minutos para a recollida.

Por outra banda, hai maior variedade nas medidas das mesas. Ata agora, considerábase que cada mesa ocupaba 2×2. Agora, os establecementos que teñan espazos terrazas máis reducidos poderán usar outras medidas para repartirse mellor e, no caso dos locales de restauración, tamén poderán colocarse mesas máis grandes.

Dada esta novidade, o pago da taxa xa non será por unidades de mesa (calculábase 4 metros cadrados por cada unha), senón que será polos metros cadrados de espazo ocupado, incluindo os corredores que se crean entre as mesas, xa que non son un espazo que poida ser utilizado pola cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *