A Garda Civil confirma que teñen «evidencias» de que o único detido polo crime de Cándida Soaje, a veciña de Tirán de 72 anos atopada morta o pasado sábado na súa casa, estivo no lugar do homicidio do que se lle acusa e polo que hoxe foi enviado ao cárcere da Lama tras pasar a disposición xudicial.
Os axentes aseguran que durante o rexistro da vivenda de Cándida como na do acusado atopáronse probas («evidencias») que relacionan a Balbino na casa da septuaxenaria. De momento, desde a Benemérita non dan máis detalles sobre cales son esas «evidencias» que levaron á detención do moañés. Con todo, comentarios de carácter non oficial que parten dos veciños apuntan a que podería ser unha peza de roupa con manchas de sangue que se mandou analizar e da que aínda non obtiveron os resultados. Tampouco se coñecen aínda os resultados da autopsia de Cándida e iso, probablemente, é o que alongou a estancia de Balbino hoxe nos Xulgados de Cangas onde a deliberación dos xuristas levou máis tempo do previsto ata determinar a prisión comunicada e sen fianza do detido catro horas despois.
Está previsto que a Garda Civil envíe mañá un comunicado sobre este caso.