A deputada Leticia Gallego (esquerda) na nave de redeiras de Cangas.

O PP vén de opoñerse á reforma e ampliación da nave de redeiras de Cangas, informan dende o PSdeG. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca do Parlamento onde votou en contra dunha proposición non de lei presentada polo PSdeG para instar á Xunta a acometer o arranxo desta infraestrutura no ano 2022. “Hai que dignificar o traballo das redeiras de Cangas”, reivindicou a deputada socialista Leticia Gallego, quen defendeu que o goberno galego afronte a obra dunha nave da que é propietaria e na que as redeiras “están traballando en condicións laborais do século XIX”, xa que a infraestrutura “non cumpre uns mínimos” e as profesionais “atópanse nunhas condicións lamentables”.

Ao fío disto, incidiu en que “apenas hai sitio para traballar, non hai lugar para descansar e non teñen nin vestiarios para cambiarse porque a nave é un almacén de redes, non unha nave para desenvolver o seu traballo dignamente”. “Non se pode conseguir que no século XXI haxa persoas traballando nestas condicións”, sentenciou.

Tras coñecer o posicionamento do Partido Popular, Gallego acusou ao PP de “botar, coma sempre, balóns fóra”. “A reparación e a ampliación tenas que facer a Xunta” porque “a nave é da Xunta” e “as redeiras non teñen capacidade financeira para acometer as obras”. “Fagan algo”, urxiu á Xunta, e “se tanto a apoian ás redeiras, fagan a reparación” destas instalacións, xa que estas profesionais “non se merecen estar traballando nesta situación”.

Finalmente, a deputada socialista puxo en valor o traballo das redeiras, “un labor tradicional manual e altamente cualificado” que require de “profesionalización” e “formación regulada” para “dar estabilidade ao colectivo e garantir a remuda xeracional”, xa que na actualidade é un sector “envellecido”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *