O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, agradece o apoio dos colectivos ao proxecto, que inclúe unha senda peonil continua nos case 5 Km da estrada
Os colectivos veciñais de Cangas apoian o ambicioso plan da Deputación para transformar e humanizar en tres fases os case 5 Km da estrada provincial EP 1002, que comunica A Madalena con Herbello. Así o manifestaron ao deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, durante a xuntanza celebrada esta semana na sede da propia Deputación, onde se lles presentou o proxecto que, entre outras cousas, prevé unha senda peonil continua na totalidade do trazado. Na xuntanza participaron os colectivos veciñais Nós, de San Pedro-Cimadevila; San Blas, de A Madalena; Daravelo, de Darbo e A Malladoura, de Herbello.
Gregorio Agís explicou que a Deputación está xa en disposición de comezala obra polo tramo da Madalena, abranguendo así os primeiros 1.825 metros da estrada, ao ser a zona máis poboada e contar con dotacións e equipamentos como o Instituto de Ensino Secundario. A planificación prevé executar a continuación nunha segunda fase o tramo de Herbello e, finalmente, a terceira que conectará ambos núcleos.
O deputado, que expresou a súa satisfacción pola acollida que o proxecto tivo entre a veciñanza, sinalou que co proxecto xa redactado, a Deputación só está á espera de que o Concello de Cangas poña os terreos a disposición para poñer en marcha os trámites para a sinatura do convenio, nas mesmas condicións que se ofertan a tódolos concellos da provincia, xa que os planos de planta cos terreos afectados están en poder do Goberno local dende hai meses.
Os colectivos veciñais cangueses, informados dos detalles do proxecto, aplaudiron que a senda peonil se proxecte polo lado onde se sitúan a maior parte das vivendas e, ademais, adiantaron a súa vontade de poñerse en contacto co Concello para tratar de axilizar as xestións pendentes. Para gañar o ancho necesario para a nova senda peonil faise necesaria a ocupación parcial de 57 parcelas (42 delas na marxe esquerda e 15 na marxe dereita da estrada), moitas delas de pequena entidade.
O proxecto
A EP-1002 ten unha lonxitude total de 4.723 metros. Debido á amplitude do seu trazado acordouse entre Deputación e Concello dividir a obra en tres fases. Nos 1.825 metros do tramo da Madalena prevese unha sección-tipo con dous carrís de 2,80 metros cada un e beiravías de ancho variable a ambos lados, ao que hai que sumar a senda peonil de 2,50 m de ancho mínimo pola marxe esquerda da estrada, un caz de separación entre a senda e a calzada, e unha cuneta de arredor dun metro de ancho (variable segundo o espazo dispoñible), acadándose así un ancho total de preto de 10 metros. Entre os puntos quilométricos 0+120 e 0+260, e entre os puntos quilométricos 1+430 e 1+515, crearanse dúas plataformas únicas peón-vehículo, con prioridade peonil e maiores limitacións de velocidade, xa que a proximidade das vivendas á calzada fai imposible acadar o ancho necesario para a execución da senda peonil separada. Ademais, ao longo do tramo disporanse varios pasos de peóns sobreelevados co fin de conseguir un calmado da velocidade do tráfico e un mellor acceso ás vivendas situadas nas marxes da estrada.
O proxecto contempla un reasfaltado completo con mestura de bituminosa en quente e formigón coloreado para a senda peonil e para a as dúas zonas de convivencia peóns- vehículos. A drenaxe da vía levarase a cabo cunha cuneta transitable de formigón, mellorando así tamén a seguridade viaria. A maiores, executaranse muros de pedra para o sostemento da senda peonil coas súas correspondentes varandas. As obras completaranse co acondicionamento das interseccións e coa dotación da sinalización horizontal e vertical correspondente. EP-1003 Rodeira-Boubeta
Por outra banda, o deputado Gregorio Agís vén de manter nos últimos días unha nova xuntanza de traballo coa alcaldesa, Victoria Portas, para abordar a transferencia dos primeiros 600 metros da estrada provincial entre Rodeira e Boubeta. Agís reiterou a disposición da Deputación para asfaltar este tramo urbano unha vez que o Concello finalice as obras de instalación das tubaxes do saneamento municipal que están obsoletas. A alcaldesa de Cangas comprometeuse por elo a solicitar neste mesmo mes de abril a transferencia do tramo posibilitando así o acordo para que a Deputación acometa o asfaltado.