A alcaldesa, Victoria Portas, supervisou o avance duns traballos que inclúen conexións de novas vivendas particulares
As obras de renovación da rede de saneamento e construcción dunha canalización paralela para as augas pluviais na parroquia de O Hío, en Cangas, avanzan a bo ritmo e inclúen a conexión de novas vivendas particulares que ata agora carecían deste servizo.
A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, supervisou o avance dos traballos incluidos na baixada de O Rampallo, na EP-1004. Esta actuación, incluida no proxecto de saneamento da subconca de Aldán, mellora tamén a capacidade hidráulica dos bombeos.
Os traballos en marcha en O Rampallo, igual que os do Viñal, ambas arterias principais desde a rede de saneamento de O Hío, eliminan as pluviais da rede de saneamento e tamén as filtracións de augas doces.
Nesta fase do proxecto quedan so pendentes as actuacións nos bombeos que, na estación de Vilariño, que recibe os caudais aportados polas subconcas de O Hío e Aldán para trasladalo á EBAR de Liméns, renovaranse as bombas e a calderería así como o tramo de impulsión coa instalación de válvulas de seccionamento e impermeabilizaranse as paredes.
O Concello de Cangas aborda por fases e dende hai anos un ambicioso proxecto para a mellora e saneamento da subconca da ría de Aldán que minimiza a entrada de augas de escorrentía e de infiltración na rede mediante a execución de sistemas separativas que deriven estes caudais aos seus cauces naturais así como renovar e mellorar os bombeos e impulsións existentes, con mermas funcionais importantes, para liberar a depuradora de Cangas, que traballa en ocasións por riba da súa capacidade ao absorber as augas pluviais.
O proxecto global conta cun orzamento de 1.808.324 euros e consiste por un lado na dotación dunha rede separtiva de pluviais na EP-1104, na rúa Viñal e na baixada a Rioesteiro e por outro na mellora dos bombeos das EBAR de Vilanova, Vilariño e Liméns.