O pasado venres, unha ambulancia destinada ao traslado de pacientes a diálise recibiu indicacións de atender dúas emerxencias en Cangas. Nas fotografías aportadas a este xornal pódese ver a este vehículo realizando servizos urxentes no centro da vila e no PAC.
Para reducir os tempos de espera das emerxencias no Morrazo o 061 comezou a mobilizar ambulancias que, tal e como se explica na Lei de Transporte sanitario, “non están acondicionadas para permitir asistencia sanitaria en ruta e se empregan en traslados que non revistan carácter de urxencia”. Ademais, estes vehículos contan cunha dotación de tan só un condutor que non ten obriga estar en posesión dunha titulación sanitaria. Pese a que tal e como se apunta dende a CIG a maioría de profesionais da area sanitaria si teñen esa titulación.
“É unha temeridade empregar ambulancias destinadas ao traslado de pacientes a consultas ou tratamentos programados para atender emerxencias. Un só profesional dificilmente pode atender con criterios mínimos de calidade unha situación de emerxencia. Pero ademais, como todo o mundo sabe, durante o traslado, se conduces-non asistes” – Advirten dende a CIG.
A situación de asistencia sanitaria urxente na comarca do Morrazo non deixa de empeorar pese ao remate da tempada de verán. Tal e como denunciou a CIG en múltiples ocasións, “resulta obvio que hai determinados momentos do día nos que as ambulancias do 061 con base en Cangas, Moaña e Bueu non están a realizar ningún servizo, pero o feito de que se produzan emerxencias de forma simultánea ou nun mesmo período de tempo, lonxe de ser ocasións puntuais, forma parte do habitual dada a cantidade de poboación que hai que atender”.
Aínda que dende a dirección do 061 tan só se trasladan cifras que fan referencias aos tempos medios de asistencia da ambulancia de Cangas, o persoal sanitario advirte que de forma constante as urxencias que acontecen neste municipio son atendidas por recursos que veñen doutros concellos da comarca ou de lugares tan dispares como Vigo e ata incluso Redondela. Isto provoca unha reacción en cadea que desabastece de ambulancias do 061 a toda comarca e mesmo á cidade de Vigo aumentando perigosamente o tempo no que unha persoa tarda en recibir asistencia.
Estas situacións tan frecuentes nas que é necesario atender a varias emerxencias a un tempo, son as que poñen en evidencia a carencia de recursos no Morrazo. “As persoas non se accidentan ou enferman cada 3 horas, tal e como di o 061. As urxencias xorden cando xorden e hai atendelas o máis axiña posible” – Explican os profesionais.
Dende a Unión Local da CIG no Morrazo, animan á poboación a denunciar aquelas situacións onde o 061 envíe unha ambulancia non asistencial, tripulada por un só profesional ou cando os tempos de espera superen os 20 minutos. Así mesmo destacan da importancia de non descargar a frustración cos profesionais que realizan a asistencia ou atenden as chamadas por teléfono que non son culpables da falta de recursos.