Esta noite actúa en SalaSon o grupo moañés Chío. Será ás 21:00 horas e a entrada terá un custo de 6 euros.
2023 é o ano no que celebran o seu décimo aniversario, cun repertorio que abarca temas de todas as súas épocas. Actualmente practican un formato acústico. Pero que ninguén leve a engano, isto non é un concerto íntimo a guitarra e voz. Si, hai acústicas, pero tocadas con actitude rockeira, e a pegada dunha sólida base rítmica composta por baixo eléctrico e percusión.
A banda sempre se caracterizou pola mestura de estilos sen ningún tipo de complexo. Desde o rock máis urbano, pasando por reggae, funk, blues, ou o que lles apeteza en cada momento. O nexo que unifica todo é a persoal voz de Iago «O Tolo». Movéndose como peixe na auga por distintos xéneros.
Chío fai música polo propio pracer de facela. Non hai máis pretensión que a de gozar facendo cancións e tocándoas. E iso transmítese.