O Concello de Marín, a través da Concellería de Promoción Económica e Patrimonio, informa do traslado da Axencia de emprego e desenvolvemento local desde a Finca de Briz ata as dependencias municipais situadas na rúa Méndez Núñez, nº 51 – Entlo. 9.
Esta Axencia responde ao obxectivo de dotar á cidadanía dun apoio técnico á hora de levar a cabo proxectos de promoción económica que contribúan ó desenvolvemento do territorio, desde a prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, así como prospección das necesidades de persoal das empresas co obxecto de identificar novos nichos de emprego; pasando pola difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas, promotoras e emprendedoras, levando a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.
Por outra banda, desde a Axencia vense prestando acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas; ou o apoio ás persoas promotoras das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, así como calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.
Para calquera consulta ou para solicitar cita previa pode facerse ben a través do teléfono 886 204 352, ou ben a través do correo electrónico aedlmarin@concellodemarin.es