A arte e os recordos fúndense nas ilustracións que a artista María Sancho realizou
despois do confinamento daquelas portas de Marín que lle trasladaban ás vivencias da súa infancia. Así llo explicou esta mañá a artista á alcaldesa, María Ramallo, e á concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, que esta mañá recibiron á creadora no Concello.
Esas láminas de portas convertéronse nas follas mensuais dun almanaque único, que fai un percorrido pola historia común de toda a sociedade marinense e que destaca aqueles espazos que forman parte da infancia da artista e que quixo “retratar con todo o respecto e o cariño”.
A Igrexa Vella, a Rúa da Roda, A Navarra, o colexio da Inmaculada ou O Caixón son algúns dos puntos cuxas portas de entrada tomaron vida da man de Sancho e que se poderán ver, segundo adiantou a alcaldesa, nunha exposición no Museo Manuel Torres proximamente.
Ramallo quixo felicitar a Sancho polo seu “excepcional traballo, cheo de cariño e de detalle e dun valor artístico enorme” e afirmou que están a traballar conxuntamente coa artista para poder desenvolver un proxecto artístico máis ambicioso aproveitando as creacións de Sancho para poder pasar páxina tras cada mes de 2021 “cunha historia de Marín”.