A alcaldesa diante do árbol de Nadal do Concello de Marín.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, quixo facer balance deste ano «atípico» que está a piques de terminar e do destacou, ademais da loita contra o Covid-19 desde a administración local, as tres obras «de transcendencia» en referencia á reforma da Avda. de Ourense, do paseo Alcalde Blanco e os avances para a construción do novo Auditorio.

Nun almorzo coa prensa local, Ramallo tamén se marcou os «deberes» para o ano que vén. «Temos deberes en canto ao aparcamento ou a seguir xestionando fondos europeos para que desde os concellos sexamos capaces de articular proxectos prácticos para os veciños para chegar dunha maneira moi directa á xente e facilitarlle a vida», expuxo, e neste sentido fixo un chamamento ao resto de administracións para que sexan capaces de «trasladar aos concellos esa capacidade de xestión». «A administración ten que ser capaz de resolver», insistiu, e «niso temos que seguir traballando».

Ademais, apostou por seguir executando obras. Unha das principais será o inicio antes do verán «se nada se torce» dos traballos de levantamento do Auditorio, pero tamén tratarán de impulsar outras como o aparcadoiro do Eguren, avanzar en iniciativas como o das piscinas salgadas do inicio do paseo Alcalde Blanco ou a reforma do Liceo Casino para convertelo en Centro Xuvenil cuxo proxecto se aproba hoxe.

A rexedora tamén manifestou a súa intención de alcanzar financiamento para o Plan de Sustentabilidade Turística ou de buscar fondos para vivenda, arranxo das barriadas, mellora das infraestruturas urbanas ou servizos que o Concello está obrigado a prestar.

En canto á relación co resto de administracións, Ramallo proponse continuar levándose ben en beneficio de Marín. «Trato de levarme ben coas administracións, de non crear conflitos, e de non crear máis problemas», indicou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *