Seis casetas ofertarán no Toural agasallos orixinais do 22 ao 6 de xaneiro
Vilaboa contará este ano cun Mercadillo de Nadal instalado na Praza do Concello, no Toural, no que os veciños e veciñas poderán adquirir agasallos orixinais e artesáns para estas festas. O Concello instalará seis casetas que xa están reservadas para a exposición e comercialización de artigos pensados para sorprender e fai un chamamento aos artesáns de Vilaboa que queiran participar desta iniciativa a utilizar o Mercadillo como escaparate do seu produto e do seu traballo contactando co Concello a través do correo info@vilaboa.org
O Mercadillo, que contará con iluminación e fío musical para ambientar a praza, permanecerá aberto do 22 de decembro ao 6 de xaneiro en horario de 18 a 21 horas, agás os sábados, domingos e festivos no que a xornada se ampliará de 12 a 22 horas.
Carmen Gallego, concelleira de Promoción Económica, aposta con esta iniciativa pola visualización do traballo artesanal e convida á cidadanía a valorar os artigos orixinais e feitos á man como un plus á hora de regalar.
Por outra parte o Concello convoca un Concurso de Postais de Nadal para escolares, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos e no que haberá catro categorías. Os rapaces e rapazas poderán entregar os seus traballos vía email a través do correo info@vilaboa.org ata o 21 de decembro ou de xeito presencial na Casa de Cultura de Riomaior. O fallo darase a coñecer o día 22 a través da web e as redes sociais.
Cabe recordar que continúa aberto o prazo para participar no concurso de decoración de Nadal nas vivendas de Vilaboa. Basta con ambientar unha ventá, o balcón, toda a fachada ou o recuncho que cada quen escolla. Logo hai que fotografiar o resultado e enviar a imaxe, xunto coa dirección da vivenda e un número de teléfono de contacto, a turismo@vilaboa.org antes do 10 de decembro.
O xurado as visitará entre o 10 e o 17 de decembro e os gañadores recibirán os seus premios, tres cestas cheas de produtos típicos destas datas, antes do 23 de decembro.