A través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga ofrécelles formación, un sistema de intercambio de información e a posibilidade de encomendar o servizo a Augas de Galicia para unha maior profesionalización dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración das súas augas
A nova Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga de Galicia impulsada pola Xunta nace coa vocación de axudar aos concellos, entre eles aos cinco da comarca do Morrazo se así o solicitan, a que avancen cara a unha xestión profesionalizada dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración das súas augas. Unha competencia municipal que leva aparelladas complexidades técnicas e económicas e que provoca que, a día de hoxe, a metade das depuradoras municipais teñan un funcionamento deficiente.
Trátase dunha Lei «transformadora, estrutural e esencial» que marcará un punto de inflexión no coidado das augas, contribuíndo a dar garantías para a saúde pública, o medio natural e as actividades como a pesca, o marisqueo ou o turismo. Está baseada en tres piares: o coñecemento da realidade, a planificación e a profesionalización. Por iso é polo que esta normativa inclúe a creación dun programa de formación para que os concellos logren unha xestión profesionalizada do abastecemento, do saneamento e da depuración das súas augas. Ademais, a Xunta manterá actualizado un inventario dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia, poñendo á disposición dous municipios un sistema de intercambio de información.
Doutra banda, desde Augas de Galicia tamén se fará chegar aos concellos directrices para mellorar a xestión da auga, para a redacción de plans de control de vertedura ás redes de colectores, para o saneamento en pequenos núcleos, a optimización da xestión das pluviais ou para a mellora enerxética das instalacións. En definitiva, con esta normativa o que busca a Xunta é asegurar o correcto funcionamento das infraestruturas hidráulicas municipais para evitar perder ata ou 40% da auga en fugas nas redes, nun contexto de cambio climático e de crise enerxética.
Adhesión voluntaria
Os concellos de Cangas, Moaña, Bueu, Marín e Vilaboa, así como os do resto de Galicia, se queren profesionalizar os seus sistemas de abastecemento, saneamento e depuración de augas poden adherirse voluntariamente a este sistema, delegando a xestión dos servizos da auga no organismo Augas de Galicia. Un método que xa está a funcionar en 28 depuradoras municipais con éxito, como é o caso da depuradora municipal de Vilaboa. Este novo sistema suporá para os concellos que así o soliciten un enorme apoio técnico e económico a cambio dunhas tarifas transparentes e iguais para todos os municipios con independencia de factores como a dispersión ou a orografía.
A Comunidade galega experimentou un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao que contribuíu, en gran medida, a mobilización por parte da Xunta de máis de 1.100 millóns de euros desde 2009 na execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias. Estas intervencións e investimentos incidiron na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias na materia pero é preciso tamén unha boa xestión e mantemento desas infraestruturas, que permita prestar os servizos con calidade e eficacia.