O Concello Municipal de Saúde, reunido en Cangas na tarde do mércores, acordou trasladar á Consellería de Sanidade un borrador do Plan Funcional que incorpora todas as aportacións realizadas polos diferentes colectivos e agrupacións políticas que o conforman. A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, confía en que a Consellería de Sanidade recolla as melloras incluídas neste novo borrador no que o tecido asociativo e político cangués defende a compatibilidade do futuro Centro Integral de Saúde co centro de Atención Primaria de Aldán e co consultorio de O Hío, entre outras moitas cousas.
Victoria Portas insiste na necesidade de defender unha sanidade pública e de calidade e que este plan asistencial sexa un documento sólido que reflexe unha mellora cuantitativa en canto á prestación dun servizo asistencial de calidade e lamenta a postura demagóxica e contradictoria do Partido Popular, que en Cangas pretende defender a sanidade pública cando as súas políticas a nivel autónomico van nunha liña “totalmente oposta”, de desmantelamento dun servizo esencial no que cada vez merma máis a plantilla de profesionais sanitarios e as súas condicións laborais son máis precarias. “Ainda que veñan a Cangas decir outro tipo de cousas, o que fai o Partido Popular o padecen os veciños e veciñas cada día, con consultas pechadas, sen profesionais que atendan, cunha precariedade insoportable que continuará tendo resposta nas rúas”, explicou.
Victoria Portas pide “consenso” nun tema que afecta a toda a veciñanza para defendrer unha “sanidade púbica, de calidade e con dotación de medios materiais e humanos”.
En canto aos terreos para a construcción do novo centro, a alcaldesa de Cangas insiste en que é necesario cumprir unha serie de trámites administrativos que poden demorarse arredor dun ano, como xa informou ao conselleiro de Sanidade. Ese é o tempo que tardará en estar aprobado o Plan Especial para a modificación do uso do chan en A Rúa. Un tempo, apunta a alcaldesa, que pode dedicar a Consellería a elaborar un Plan Funcional en condicións e consensuado cos colectivos cangueses e con profesionais sanitarios que coñecen as debilidades dos centros de atención primaria de Cangas.