A actuación reconquista o espazo público para as persoas, pon en valor o patrimonio e favorece a accesibilidade e a mobilidade peonil
Con 134.000 euros do Plan Concellos da Deputación o goberno local de Bueu vén de rexenerar a contorna da Igrexa de Ermelo transformando por completo o corazón deste núcleo histórico tradicional de Bueu. O deputado provincial Santos Héctor e a deputada Olga García, xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitaron hoxe a remodelación alí desenvolvida, subvencionada ao 100% con recursos da institución provincial, e moi esperada pola veciñanza da zona.
A actuación, xa rematada, centrouse na posta en valor de toda a parroquia de Ermelo e o seu patrimonio histórico e arquitectónico, como é a propia igrexa, mellorando as condicións medioambientais e a calidade de vida e creando un espazo universalmente accesible que favorece a prioridade peonil e promove a reconquista do espazo público por e para as persoas usuarias.
Os traballos desenvolvéronse na zona baixa da igrexa, así como no camiño que accede á fonte e na parte alta, que dá acceso ao recinto da igrexa e se estende ata o cruce co camiño polo que se accede á Esculca, lugar de confluencia dos concellos de Moaña, Cangas e Bueu. En todo este ámbito traballouse por crear un espazo sostible e respectuoso, mellorando as infraestruturas e dotacións e poñendo en valor a historia da zona.
Tamén se deu resposta ás necesidades de mobilidade actuais da veciñanza, ao ser este espazo un dos eixos de comunicación principais de Ermelo. Así, dotouse de novo pavimento á zona, con adoquín de granito do país e adoquín gris, así como franxas de lousas de pedra. O pavimento, uniforme e sen desniveis, responde á idea de proxectar un espazo compartido e mellorar a seguridade viaria, facendo convivir ás persoas e aos vehículos.