O delegado territorial co alcalde, a portavoz do PP en Bueu e os técnicos visitando a senda da Portela.

Os populares presentarán unha moción no próximo pleno con esta proposta

O PP, a través dunha moción para o próximo pleno ordinario, insta ao goberno local de Félix Juncal a realizar as indagacións e xestións necesarias para solicitar e realizar un obradoiro de emprego en Bueu que redunde nun beneficio económico, formativo e de inserción laboral para as persoas participantes.

Argumentan os populares que durante os últimos vinte e dous anos, en Bueu realizáronse dous obradoiros de emprego remunerados –un no ano 2002 e outro no 2010–, para o que se habilitou co segundo obradoiro un espazo formativo na nave municipal do Polígono Industrial. Estas dúas iniciativas supuxeron un revulsivo a nivel económico e formativo para as persoas inscritas, que percibiron o Salario Mínimo Interprofesional por formarse e realizar un labor que redundou en beneficios para a sociedade –por exemplo, o obradoiro do 2002 permitiu arranxar o lavadoiro de Amieiras como actividade formativa–.

Desde hai máis de 10 anos, o Concello de Bueu non impulsou ningún tipo de proposta desta índole, a pesar de que estas iniciativas teñen un financiamento case total supramunicipal, posto que é a Xunta de Galicia quen aporta fondos para a súa realización. Así, o executivo autonómico, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, facilita dous modelos diferentes: os obradoiros duais de emprego e os obradoiros de emprego para persoas mozas.

Dentro das diferentes actividades que encaixan nestas iniciativas da Xunta, explican, hai propostas de recuperación de patrimonio, especialidades forestais, de mellora das condicións de vida das vilas etc.

Estes obradoiros achegan un beneficio moi notorio para todas as participantes, posto que, no caso dos obradoiros duais, as persoas que estan desempregadas poden formarse durante 9 meses cobrando o SMI e unha paga e media extraordinaria, ademais de estar dada de alta no réxime da Seguridade Social, o que supón un impulso notorio de cara á inserción laboral das persoas formadas. O Concello de Cangas, por exemplo, impulsou un obradoiro con dúas especialidades no ámbito forestal, beneficiando a 20 persoas que participan, entre outras, de colaboracións coas Comunidades de Montes da vila, mentres que o Concello de Lalín abordou un obradoiro centrado en tarefas de mantemento do Paseo do Río Pontiñas, con módulos de carpintaría e conservación e mellora de montes, realizando numerosas actuacións no entorno.

A consecución destes obradoiros implica, loxicamente, un traballo planificador do Concello de Bueu, polo que é preciso que o goberno local se comprometa a levar a cabo unha iniciatvia deste tipo, que no caso dun concello coma Cangas supuxo (co obradoiro dual), un investimento de 346.946 euros e a contratación de 20 persoas desempregadas cos conseguintes beneficios económicos, laborais e sociais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *