O Día das Letras Galegas, 17 de maio, Marín será o epicentro do fútbol sala galego, coa celebración da final da Copa Galicia Masculina e Feminina na Raña. Esta mañá, o Salón de Plenos do Concello acolleu a presentación deste evento, coa presenza de Pablo Prieto, vicepresidente da RFGF e máximo responsable do fútbol sala en Galicia; a alcaldesa, María Ramallo; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra, José Manuel Fernández; o coordinador do deporte base en Pontevedra, José Manuel Freire; e os concelleiros Antonio Traba e Antonio Caíña.
Trátase da XXX edición masculina deste evento e da XV feminina, sendo unha competición do máis alto nivel autonómico que poderá verse no Pavillón da Raña, “que xa é como a nosa casa”, tal e como declarou en rolda de prensa Prieto.
Na final feminina, que será ás 17.00 horas, enfrentaranse o Ourense C.F. co Envialia Poio Pescamar FS. Pola súa parte, na masculina, ás 20.00 horas, loitarán pola copa O Parrulo Ferrol e o Noia Portus Apostoli.
Prieto quixo destacar e agradecer “a implicación do Concello para poder acoller un evento coma este e especialmente, a do Club Deportivo La Peña, que ten unha gran proxección” e animou a toda a veciñanza de Marín e aos seguidores do fútbol sala a non perder esta xornada única para o deporte galego.
Pola súa banda, a alcaldesa, María Ramallo, agradeceu tamén “que de novo poidamos contar na nosa vila cun espectáculo deportivo do máis alto nivel, especialmente tratándose de fútbol sala, que en Marín, cos nosos equipos locais, ten unha gran canteira”.