Odilo Barreiro, María Torea, Marta Freire, Leticia Santos e María Amigo na presentación do curso.

En colaboración co Concello, a asociación ecoloxista dará un curso no Padroado de Beiramar durante un mes para unha 20 de persoas en situación de desemprego. O prazo de inscrición remata o 29 de maio e non é remunerado

A Asociación Ecoloxista ADEGA e o Concello de Moaña únense para por en marcha o curso de «Técnico de Compostaxe Descentralizada» que terá lugar do 1 ao 29 de xuño no Patronato Beiramar da man do colectivo ecoloxista e non está remunerado. Está dirixido a persoas desempregadas maiores de 16 anos da localidade e de calquera lugar da contorna.

Segundo explicou María Amigo, coordinadora do curso, o obxetivo e formar a profesionais nos diferentes procesos e técnicas de compostaxe dos residuos sólidos urbanos. Algunhas das destrezas que os e as participantes acadarán ao rematar o curso teñen a ver con saber determinar a calidade do compost e o seu ámbito de aplicación ou co manexo dos composteiros domésticos e de áreas de compostaxe comunitarias.

Por outra banda, durante o curso as persoas participantes desenvolverán múltiples actividades de educación ambiental, ciencia cidadá e voluntariado, ademais de sesións prácticas no programa de compostaxe do Concello de Moaña e unha visita guiada ás instalacións de Ecocelta Galicia S.L., empresa galega pioneira na lombricultura, compostaxe, produción e venda de fertilizantes e substratos orgánicos.

Este proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde iniciativa dirixida ao impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.

MESTRADO DE COMPOSTAXE: EMPREGO VERDE E DE FUTURO

O alumnado que se inscriba no curso optará a unha bolsa de traballo relacionada co emprego verde. A compostaxe, actualmente e no futuro, é unha nova fonte de emprego verde que cada vez terá máis demanda no mercado laboral, dada a necesidade dos estados membros da UE de cumprir cos obxectivos comunitarios en materia de residuos, os cales só se poderán acadar baixo unha adecuada e sustentable xestión dos residuos orgánicos xerados. Por tanto, para ADEGA, capacitar e formar a persoas como mestras de compostaxe descentralizada é unha prioridade, ao tempo, que se fomenta a creación de emprego e se facilita a inserción laboral das persoas desempregadas en ámbitos de economía verde con futuro.

Tanto o concelleiro de Medio Ambiente, Odilo Barreiro, como a técnica de Emprego municipal, María Tourea, e a alcaldesa, Leticia Santos, insistiron na importancia deste tipo de formativos cara a un futuro laboral. Cada día a necesidade de coidar o planeta é maior, unha tarefa cuxa mellor lexislación é a educación e para a que se necesitarán profesionais que axuden neste labor de concienciación cidadá tanto desde as administracións como tamén desde as empresas e a rúa.

CURSO EN MOAÑA. INSCRICIÓN ATA O 29 DE MAIO

Dado que as prazas son limitadas, é posible que haxa que facer unha selección previa das solicitudes, polo que se recomenda que as persoas interesadas en formalizar a solicitude de inscrición o fagan o antes posible e sempre antes do día 29 de maio, no correspondente formulario de inscrición.

Tamén poden solicitar información a través do e-mail compostaxe@adega.gal ou no teléfono 628378804. Ao finalizar o curso, as persoas participantes que o superen recibirán un Certificado de Mestría en Compostaxe emitido pola entidade estatal Composta en Red, así como o asesoramento e a orientación oportuna na procura de emprego que facilite a súa inserción laboral.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *