Na nova Festa da Diversidade o Concello aposta por unha celebración da liberdade máis completa, diversa e comprometida. Espectáculos e fantasías culturais tratarán de aterrar as realidades, amores e identidades diversas mediante as artes vivas, apoiando a artistas LGBT+ do territorio. As actuacións diversas, a visibilidade real e a convivencia en liberdade terán lugar os días 3 e 4 de Xuño na vila moañesa.
Nesta V edición o equipo de goberno toma un novo rumbo na Festa coa cultura diversa e os referentes de proximidade no centro, visibilizando a artistas LGBT+ da provincia con propostas frescas, inspiradoras e comprometidas que animan ao diálogo e a igualdade no espazo público.
A celebración comeza o venres 3 no Salón de Plenos coa proxección do filme A Noite Irisada, sobre a loita LGTBI en Galicia, finalista nos Premios Mestre Mateo. Un valioso relato, desde as cantigas medievais ata a actualidade, sobre o amor, o respecto e a memoria diversa seguido por un faladoiro coa súa directora, Bea Vázquez.
O sábado 4 o Palco da Música -o novo emprazamento- acollerá unha programación diversa non só pola temática e polo elenco maioritario de artistas trans, senón tamén polos variados formatos artísticos. Este ano a partir das 19:00 h, público de tódalas idades poderá inspirarse cos Contos Invertidos de Nico Elsker; viaxar ao mundo de fantasía galega A Drag Pandeireteira de Meiga-i -un monólogo musical de mestura folk-; vivir un enerxizante serán electrónico e rebolar no concerto SUOR d’O Rabelo, rematando a noite coas articulacións dislocadas na fresca sesión DJ de ARIEZZZ e as súas performances.
O Concello completa a programación coa exposición itinerante Mulleres Trans Ilustradas, un material didáctico cedido por ARELAS co fin de dar a coñecer os logros de mulleres trans referentes nos seus ámbitos. Ademais, o recinto contará cun Punto de atención á diversidade, información e prevención para facer unha festa máis segura fronte ás agresións.
O Concello renova así a súa responsabilidade crear espazos de lecer en igualdade, plurais e democráticos, apoiando unha edición máis a diversidade de identidades e afectos. Así, a vila transformarase nun lugar de visibilidade e convivencia en liberdade para toda a cidadanía a través da cultura diversa e o lecer para todos.