O Concello de Cangas instalará durante as Festas do Cristo unha caravana morada no recinto das naves de Ojea co lema «Cangas libre de violencias machistas, sen igualdade non hai festa». Trátase dunha iniciativa que a concelleira de Igualdade que dirixe Victoria Portas leva a cabo co financiamento dous Fondos do Pacto de Estado contra as violencias de xénero do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero.
A caravana vai estar atendida por dúas profesionais do ámbito clínico e social, con experiencia laboral no campo da igualdade. Os días de atención van ser o 26, 27 e 28 de agosto e 1, 2 e 3 de setembro de 19:30 a 03:30h.
Os obxectivos principais da caravana son a dinamización e concienciación contra as violencias machistas dentro dos espazos de lecer, prestando á súa vez atención e información para aquelas mulleres e rapazas que puideran sufrir algunha agresión durante a celebración das festas.