Coa participación de moitos colectivos sociais e veciñais tamén haberá Feira dos Invasores 1617 nos Xardíns de Soage
Todo volve á normalidade tras a pandemia e, por tanto, a representación da obra teatral «A defensa da vila María Soliña» tamén regresa ás rúas de Cangas. A festa será os días 7, 8 e 9 de outubro aínda que a obra, eixo central de toda a programación da fin de semana, non poderá verse ata o domingo ás 18:30 horas.
Como era tradicional ata que o Covid freou en seco calquera costume, contará con escenas en vivo en oito puntos do centro do municipio. O primeiro terá lugar na Alameda Vella e escenificará un dos momentos previos ao desastre. A continuación terá lugar o desembarco nas Naves de Ojea, máis tarde a praza do Eirado do Costal mostrará o despois do desastre e a continuación a Fonte de San Leonardo acollerá a detención de María Soliña. O Palco da Música da Alameda será a contorna para rememorar o aldraxe da canguesa para despois trasladar a representación á praza da Constitución onde se celebrará o xuízo. E antes de finalizar, dous momentos importantes: o encontro con Pedro Barba no Eirado do Sinal e o cumprimento da sentenza de morte de María na cruz.
Aínda que durante a pandemia non se deixou no esquecemento esta festividade, se é certo que se adaptou ás circunstancias e realizouse atendendo ás restricións do momento. Por este motivo, esta volta ás rúas canguesas é a principal novidade da edición deste 2022. As outras, a celebración da Feira dos Invasores 1617 nos xardíns de Soage e a creación da Asociación Cultural A Defensa da Vila, que se atopa en constitución e que estará composta por colectivos participantes no evento, ademais de calquera persoa que queira colaborar activamente. Tamén nace www.adefensadavila.com, unha web que recolle toda a información relativa a María Soliña e á representación teatral ao longo da súa historia. Os comerciantes interesados en instalar un posto na Feira poderán inscribirse a través desta plataforma ata mañá. Desde a organización, en palabras de Nicolás Avilés, deuse este paso co fin de «poñer en valor» esta festa e a figura de María Soliña «á que acusaron de bruxa cando non o era».
O actor moañés Salvador do Río, presente na presentación, destacou a importancia de regresar ás rúas de Cangas e fixo fincapé no «éxito» que supón que «haxa tanta xente implicada» nesta edición para permitir que A defensa da vila María Soliña «siga crecendo». «aínda que haxa persoas que xa a viron, sempre van atopar algo diferente», apuntou do Río. Na mesma liña interveu a concelleira de Cultura, Aurora Prieto, que definiu esta función como «a máis participativa» pola gran cantidade de colectivos involucrados.
Chamamento á participación
A alcaldesa, Victoria Portas, xunto coa organización, fixo un chamamento á «participación» de todos os cangueses e de quen poida visitar Cangas esa fin de semana nos eventos previstos para os tres días ao tratarse dunha festividade «patrimonio deste Concello». «María Soliña é parte da nosa historia e, aínda que cun final dramático, axudou a poñer en valor os patróns do feministas da época que agora nós poñemos en práctica. É un símbolo para Cangas», definiu Portas.