A Sala Amalia Domínguez Búa acolleu esta semana, concretamente o luns e o mércores pola mañá, unha actividade de beachcombing e artivismo organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e na que participaron cincuenta estudantes de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra.
O Concello de Bueu forma parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unha sólida rede de administracións locais comprometidas cos Dereitos Humanos e coa erradicación das desigualdades a nivel global. Neste marco, o Fondo vén de apoiar na India un proxecto de vivenda para familias vulnerables, que leva aparellada unha compoñente de xestión de residuos na comunidade. Este proxecto está liderado pola Fundación Vicente Ferrer, que desenvolve unha serie de actividades de sensibilización en Galicia, nas que se insire esta do colexio bueués.
Trátase dunha actividade de creación de obras artísticas cos refugallos das praias, dinamizada por persoal da propia Fundación. A primeira xornada desenvolveuse o luns 17 de outubro a partir das 11:30 horas e consistiu en retirar os residuos dos areais da Banda do Río. Despois limpáronse e deixáronse secar os plásticos ata este mércores, cando se volveron recuperar para realizar unha serie de obras de arte na sala.