A Deputación Provincial de Pontevedra vén de aprobar os remanentes do Plan Concellos 2021, polo que se autoriza ao Concello a dispoñer desas axudas para acometer unha pavimentación de dous tramos de camiño no lugar de A Torre, na parroquia de Cela, e para o acondicionamento de local para a Sala de Interpretación do Bueu Romano.
Segundo avanza Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, na zona de A Torre acometeuse a ampliación da rede de saneamento e abastecemento, e agora vaise levar a cabo a pavimentación deses dous tramos de camiño, cun importe de 26.763,32 €, IVE engadido. “Continuamos a avanzar nos servizos básicos para toda a vila, cunha especial atención ao rural”, salienta Juncal.
Ademais, a Deputación tamén autorizou o investimento de 50.477,49 € que se corresponden coa achega municipal para o proxecto de acondicionamento de local para a Sala de Interpretación do Bueu Romano. As obras, cun orzamento de licitación de 200.477,49 euros, IVE engadido, fináncianse con cargo a un convenio asinado entre o Concello de Bueu e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Esta é a primeira fase dun proxecto que busca poñer en valor dos restos arqueolóxicos atopados no lugar de Pescadoira, concretamente no solar núm. 7 da rúa Montero Ríos, onde se detectou a existencia de dous xacementos arqueolóxicos da época romana.
Esta intervención vén xustificada pola necesidade de recuperar e valorizar este patrimonio vinculado á historia mariñeira de Bueu, co que se completará a oferta museística da vila. Con este proxecto percorreríase cronoloxicamente a historia da pesca no municipio, pois empezando pola visita á Sala de Interpretación do Bueu Romano, a vila transformarase nun gran museo do mar que nos levará ata lugares tan característicos como a Salgadura de Mourisca, o Estaleiro de Purro, única carpintaría de ribeira que se conserva en toda a ría de Pontevedra, ou o Museo Massó.
A intervención preténdese realizar no contorno de protección do Xacemento romano de Pesqueira e no Xacemento romano de San Martiño, bens incluídos no Catálogo do PXOM do Concello de Bueu e protexidos por Patrimonio de Galicia. As obras concretas que a empresa adxudicataria deberá acometer nun prazo de seis meses serán, entre outras, a execución do cerramento exterior, os pavimentos, as divisións interiores, as instalacións de fontanería, a evacuación de augas, a ventilación, a protección contra incendios, a electricidade e alumeado, a colocación de carpintería exterior, xanelas e nova porta de acceso, a execución de revestimentos interiores, e a colocación de falsos teitos e equipamento e mobiliario.