O Centro Social do Mar acolle do 12 ao 29 de xaneiro a exposición “Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero”, organizada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. A mostra, que se poderá visitar na entrada deste espazo municipal, recolle unha selección do cómic galego sobre a violencia de xénero, con debuxos de autores de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Sumai. Esta exposición ten por obxectivo sensibilizar á poboación máis nova, facer reflexionar ás e aos adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e, polo tanto, tamén a eliminala.
A orixe da mostra partiu da proposta da súa comisaria, Gemma Sesar, a varios debuxantes galegos e nacionais para plasmar nunha imaxe situacións ou momentos que considerasen como violentos entre adolescentes, co obxectivo de por de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.