Afortunadamente as incidencias provocadas polo temporal desta madrugada só provocaron sustos pero non deixaron ningún dano grave. Por volta da media noite, ás 23:37 horas, Protección Civil de Cangas e Policía Local acudiron a retirar un poste de Telefónica que caera sobre o valado dunha vivenda do Camiño ao Monte, en Pinténs.
Pouco despois, á 1:30 horas alertaban do esborralle dunha árbore sobre a autovía do Morrazo, á altura do túnel de Coiro. Non caeu sobre ningún vehículo, polo que se procedeu a retirar o tronco da vía e a limpar o lugar.
Por último, esta mañá, sobre as 9:15 horas, detectouse unha pequena inundación no almacén e vestiarios da brigada de limpeza do Concello de Cangas situado no coñecido como parque grande, a poucos metros das pistas. Esta caseta é subterránea e tivo unha pequena filtración sen importancia.