O Concello de Vilaboa inclúe unha actuación musical en directo na entrega do Premio 8M, que nesta primeira edición recae en Teresa Alida Martínez. Carmen Gallego, concelleira de Igualdade, convida a toda a veciñanza a asistir a este acto de recoñecemento á aportación, moitas veces invisible, da muller no ámbito social. “A galardonada este ano é unha muller de gran calidade humana que destaca no ámbito do feminismo anónimo pero tamén na súa vocación profesional e no seu compromiso permanente coas causas xustas”.
Miguel Fraile e Bea Míguez porán a nota musical no peche dun acto que estará cargado de emocións e no que o recoñecemento á muller será o fío conductor tamén na temática musical. “Estamos preparando este acto con moito cariño e gustaríanos compartilo con toda a xente de Vilaboa”.
Teresa Alida Martínez recibirá unha simbólica escultura titulada “Muller das Salinas”, que representa unha figura feminina erguida cunha pá para achandar o sal na mal, en referencia ao traballo que facían as mulleres nas Salinas de Vilaboa. A súa autora é tamén unha muller, Irene Silva Xiráldez, que esculpiu a talla en madeira policromada coas cores feministas como primeira peza dunha colección numerada que o Concello xa institucionalizou como entrega do Premio 8M.
O acto, que terá lugar o vindeiro día 18 de marzo ás 18 horas na Casa de Cultura de Riomaior, contará coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva que xunto a César Poza, alcalde de Vilaboa, entregará o premio a Teresa Alida Martínez. Os asistentes ao acto terán ocasión tamén de visitar a exposición “As mulleres do mar”, que permanece aberta na Casa de Cultura de Riomaior ata finais deste mes.