A actuación, que ten un coste de 28.713 euros, financiase a través dunha subvención concedida pola Axencia de Turismo de Galicia
O Concello de Vilaboa procederá á recuperación de dous elementos singulares de cara ao seu aproveitamento turístico a través dunha subvención de 28.713 euros concedidos pola Axencia de Turismo de Galicia que con esta partida financia a totalidade da actuación. Concretamente o Concello recuperará o petroglifo do Chan de Areeiros, incluido no sendeiro dos Petroglifos de Cobres e o interior do Forno de Cal, elemento único do patrimonio etnográfico das Rías Baixas.
O petróglifo do Chan de Areeiros atópase na actualidade en mal estado debido á vexetación circundante e ás diferentes capas bioxénicas que impiden totalmente a súa visibilidade, perdendo un elemento fundamental do sendeiro, no que precisamente o reclamo son os propios petróglifos. Segundo consta no PXOM, este petróglifo caracterízase por ser “unha laxe situada nun contorno forestal a base de eucaliptos e piñeiros no que se aprecian labores de cantaría. Nela insculturáronse, cando menos, tres cérvidos (un deles astado e cunha lanza clavada no lombo), un antropoformo e un motivo xeométrico a base de clrculos concéntricos que aparece moi danado (desplacamento) por causa do lume”.
O traballo de recuperación realizarase por fases comezando pola delimitación da contorna e a roza manual, con control arqueolóxico, da vexetación inmediata aos paneis. Procederase posteriormente á limpeza manual da suciedade máis daniña que cubre os paneis dos gravados e actuarase sobre a pedra. Realizarse un levantamento 3D do petroglifo que facilite a comprensión deste elemento arquitectónico e instalaranse novos paneis informativos.
En canto ao Forno de Cal a rehabilitación que se realizou este ano deixou ao descuberto o sistema de combustión que se atopa en mal estado e que é necesario rehabilitar e restaurar para evitar o seu desmoroamento. A actuación contempla o rexunte das paredes internas, e a colocación dunha porta de acceso ó mesmo que garanta baixo situacións controladas e por motivos de limpeza, o acceso ó interior do mesmo.
A actuación que se vai acometer permitirá rematar a musealización do Forno a través da consolidación dos muros de adobe da parrilla do forno; o recebado dos muros interiores do forno que quedaron sen selar; a realización dun recheo concertado tinguido, emulando un estrato de superficie queimada, incorporando incluso carbóns ou madeiras e pedras calizas, para a mellor comprensión deste espazo e remodelación das reixas de peche que ten na actualidade.
César Poza, alcalde de Vilaboa, indica que estas dúas actuacións continúan a liña de traballo iniciada no anterior mandato de basear a promoción turística do municipio na promoción dos seus elementos patrimoniais tanto naturais como arqueolóxicos.