A deputada socialista Leticia Gallego reprochou ao PP que este xoves votase en contra da súa iniciativa que reclamaba reabrir o consultorio do Hío e de retomar o proxecto de construción do centro de saúde Aldán – O Hío.
Na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, a deputada socialista defendeu a súa proposición non de lei para mellorar de forma urxente a asistencia na atención primaria que reciben os veciños e veciñas da parroquia canguesa do Hío. Remarcou que trasladou as demandas dos veciños e da corporación municipal de Cangas, na que os populares votaron a favor destas reclamacións, aínda que lembrou “xusto antes das eleccións”.
Logo de reunirse cos veciños das parroquias de O Hío e Aldán, “que non queren ser tratados como cidadáns de segunda” apuntou, a deputada expuxo a importancia de que se volva a abrir o consultorio do Hío, que se pechou no 2020 e que agora se emprega como almacén. Puxo o foco en que estamos ante unha poboación envellecida con dificultades para desprazarse ao centro de saúde máis próximo polas deficiencias do transporte público.
Así mesmo, a socialista non entende como o goberno galego ten “a soberbia” de falar dos “orzamentos máis altos da historia”, pero non destina cartos en retomar o proxecto de construción do centro de saúde de Aldán – O Hío en terreos que xa son propiedade da propia Xunta no Viso. Por elo, considera que non se fai pola “falta de vontade política” por parte dun PP que “está desmantelando a sanidade pública”.
Leticia Gallego tamén atribúe esta situación á falla de persoal sanitario que hai na actualidade e que se explica polas deficientes condicións laborais que ofrecen dende o Sergas aos profesionais, que somos a comunidade autónoma que menos paga aos MIR e que se deixaron sen convocar 180 prazas MIR en Galicia ás que se tiñan dereito durante a última década.