A Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas vén de completar os traballos de modernización funcional e hixiénico-sanitaria da lonxa do porto de Cangas, unha actuación que contou cunha axuda da Consellería do Mar destinada á substitución do pavimento e ao tratamento dos paramentos verticais dos espazos auxiliares.
A intervención permitiu mellorar as condicións hixiénicas e funcionais das instalacións, mediante a implantación dun sistema continuo de pavimento e o tratamento das superficies verticais, favorecendo a limpeza e desinfección dos espazos e contribuíndo a garantir unhas condicións máis axeitadas para o desenvolvemento da actividade diaria da lonxa.
Co obxectivo de evitar a paralización da actividade habitual, os traballos organizáronse en tres fases diferenciadas, actuando de maneira sucesiva en distintas zonas para manter o resto das instalacións operativas durante a execución das obras.
A axuda concedida ascende a 59.941,80 euros e enmárcase na Orde do 3 de xaneiro de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 de axudas a proxectos colectivos destinados á modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
O proxecto, identificado co número de expediente PE209G-2026-00013, contribúe aos obxectivos ambientais e sociais do FEMPA ao actuar sobre unha infraestrutura existente, mellorando a súa funcionalidade, durabilidade e eficiencia no uso dos recursos.
Entre os principais resultados da actuación destacan a mellora da impermeabilidade e da continuidade superficial do pavimento, a redución dos puntos de acumulación de sucidade e humidade, a maior facilidade para realizar tarefas de limpeza e desinfección e a mellora das condicións de uso e traballo das persoas usuarias das instalacións.
Con esta actuación, a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas continúa avanzando na modernización das súas infraestruturas e na mellora dos servizos prestados ao sector pesqueiro local, reforzando a seguridade, a hixiene e a eficiencia das instalacións e contribuíndo a unha actividade pesqueira máis competitiva e sostible.

