A alcaldesa, María Ramallo, dirixíu unha sesión de traballo na que se repasarron os proxectos incluídos nos novos fondos europeos e para marcar prioridades de cara á captación de novas liñas de financiación provincial e autonómica
A alcaldesa, María Ramallo, presidiu onte pola tarde unha reunión de traballo cos concelleiros e concelleiras das distintas áreas de Goberno co obxectivo de marcar as liñas de acción e as prioridades de inversión para os últimos meses do 2026.
Ademais dun repaso xeral a cada unha das áreas de Goberno, unha das cuestións que se repasou na sesión de traballo foi a situación na que se atopa a Estratexia Marín 360, que foi beneficiaria de máis de 6 millóns de euros dos novos fondos europeos e que centrará o tiro nos barrios da vila.
Briz contará cun ascensor e renovarase todo Tiro Naval Janer
A alcaldesa expuxo que neste momento hai varios proxectos incluídos nesta estratexia que están encauzados. Entre eles, a parte de mellora da accesibilidade á Finca de Briz, un ascensor que conectará Ponte Zapal con este pulmón verde e de servizos de Marín e que salvará unha das grandes pendentes do casco urbano.
A dotación deste elemento da mellora da accesibilidade forma parte dun proxecto maior, o da mellora integral da Rúa Tiro Naval Janer, que se financia co Plan Extra da Deputación de Pontevedra. Tal e como explicou Ramallo, “esta licitación está en marcha e pronto poderemos iniciar a execución dun proxecto que mellorará totalmente a entrada á vila pola PO-551 e que facilitará o acceso a Briz, unha das nosas zonas verdes máis destacables, a todas as persoas”.
A conexión da Barriada Virxe do Carme e do Centro de Saúde con Jaime Janer, o próximo obxectivo
A maiores, estase rematando xa coa redacción dos proxectos de mellora urbana das rúas Francisco Landín Pazos e do Souto, co obxectivo de “mellorar a integración da Barriada Virxe do Carme co Centro de Saúde e con Jaime Janer”, explicou a rexedora, que apunta a ambos viais “como rúas clave en todo este entorno”.
Esta zona compleméntase coas outras dúas que se inclúen na Estratexia Marín 360, A Cañota e San Pedro, das que tamén se irán abordando os proxectos presentados á Unión Europea.
Dinamización da vila, unha cuestión constante na inversión e na xestión
A maiores das obras, aproveitouse para repasar o traballo de xestión en dinamización cultural, deportiva, turística, comercial.. que se fai día a día, xa non só nas propostas propiamente impulsadas polo Concello senón tamén no apoio constante ás entidades do tecido asociativo marinense.
Eventos deportivos, actividades culturais, campañas comerciais… copan cada semana o calendario municipal “e seguiremos traballando por manter así de dinámica a nosa vila, que conta a día de hoxe cun Auditorio que lle permite ser aínda máis atractiva no que á oferta cultural respecta”.

