A comedia, protagonizada por estes dous rostros destacados do teatro e a televisión estatal, representarase o venres 11 de decembro ás 20.00 horas e as entradas sairán mañá á venda a través de Ataquilla.com
A programación do Auditorio de Marín segue medrando e incorporando novas propostas de primeiro nivel. O teatro de ámbito nacional aterrará no escenario marinense o próximo 11 de decembro da man de Marta Hazas e Javier Veiga, que protagonizarán a comedia “Un matrimonio sin filtros”, ás 20.00 horas.
As entradas para asistir ao espectáculo sairán á venda mañá, xoves 17 de setembro, a través da plataforma Ataquilla.com, abrindo así a posibilidade de gozar en Marín dunha produción protagonizada por dous intérpretes cunha ampla traxectoria no teatro, na televisión e no audiovisual español.
A chegada de “Un matrimonio sin filtros” supón unha nova incorporación á programación do Auditorio, que continúa apostando por combinar as propostas culturais galegas con espectáculos e producións do circuíto nacional, achegando á vila artistas e montaxes de relevancia sen necesidade de desprazarse ás grandes cidades. Unha separación, unha casa e unha guerra sen filtros Marga e Jaime van separarse despois de 15 anos de matrimonio. Entre bágoas e reproches consólanse sabendo que, ao non ter fillos nin mascotas e nin sequera un coche en común, poderán marcharse sen máis, dando unha portada cun clásico: “Eu xa non quero nada teu”.
Pero hai un pequeno detalle no que non caeran. Ese portazo hai que dalo cunha porta. E esa porta pertence a unha casa. E esa casa… é a casa dos dous!!! Marga e Jaime están dispostos a refacer as súas vidas por separado, pero ambos consideran que a casa lles pertence. Ningún dos dous quere marcharse do piso que foi o seu fogar. E este mutuo desacordo non ten pinta de resolverse cunha separación amigable.
Empezan a sacar os trapos sucios e a botarse en cara mutuamente o fracaso da súa relación. Ambos chegan a unha conclusión: debería irse da casa o que teña máis culpa de que se estean divorciando. E agora empezará a guerra de verdade. Ambos van tirar da manta e a sacar toda a merda que tiñan gardada debaixo da alfombra. Aquí xa non hai pudor, nin importa o que dirán… Unha parella aberta en canle. Con todas as vergoñas ao aire. Un matrimonio á vista desde unha enorme fiestra indiscreta.
Os espectadores do teatro van poder asistir en directo a todas esas miserias que as parellas adoitan mostrar só de portas cara adentro. Ningún dos dous vai permitir que o outro se garde nada. Aquí xa non hai secretos, nin medias verdades, nin pensamentos inconfesables, nin vergoña allea nin propia… Que o vexan todo! Porque agora Marga e Jaime son Un Matrimonio sen Filtros. Un Matrimonio sen Filtros que os espectadores van poder contemplar a través dun cristal (ou dun espello)…
Entradas á venda desde mañá
“Un matrimonio sin filtros” representarase no Auditorio de Marín o venres 11 de decembro, ás 20.00 horas. As entradas poderán adquirirse a partir de mañá, 17 de setembro, a través da plataforma Ataquilla.
