A Asociación Adicam, entidade sen ánimo de lucro que traballa no apoio e acompañamento de persoas con cancro de mama e cancro xinecolóxico, quere facer balance dunha das actividades máis especiais desenvolvidas este verán: o programa Naveganta, unha iniciativa que permitiu a 28 mulleres da asociación desfrutar de saídas en veleiro pola ría de Vigo ao longo do mes de xuño.
Organizadas en pequenos grupos, as participantes viviron unha experiencia que foi moito máis alá dunha simple actividade de lecer. Durante dúas horas deixaron atrás as consultas médicas, os tratamentos, as secuelas físicas e emocionais e as preocupacións do día a día para conectar coa natureza, co mar e, sobre todo, consigo mesmas.
Para moitas delas, navegar supuxo recuperar unha sensación de liberdade que o proceso da enfermidade lles arrebatara durante un tempo. O vento, o son do mar e a tranquilidade da navegación convertéronse nun espazo para respirar, rir, compartir experiencias e fortalecer os vínculos entre compañeiras que coñecen ben o que significa convivir co cancro.
En Adicam saben que o benestar emocional forma parte do proceso de recuperación. Actividades como Naveganta contribúen a reducir o estrés, romper coa rutina dos tratamentos, favorecer a socialización e ofrecer momentos de felicidade que tamén axudan a afrontar a enfermidade con máis forza. Porque, ás veces, dúas horas de mar poden converterse nunha poderosa recarga de enerxía para seguir adiante.
Detrás de cada unha das participantes hai historias de vida marcadas pola superación, polo esforzo e pola esperanza. Historias difíciles que, durante un intre, quedaron aparcadas para dar paso á ilusión de navegar e gozar da beleza da ría de Vigo. Un deses momentos que permanecen na memoria e que demostran que o coidado emocional tamén é parte fundamental da atención ás persoas con cancro.
Desde Adicam queren expresar o seu máis sincero agradecemento ao Club Náutico de Rodeira, cuxa colaboración totalmente altruísta fixo posible esta actividade. «A súa implicación, compromiso e sensibilidade permitiron que este proxecto chegase ás nosas usuarias, demostrando unha vez máis o importante papel que desempeñan as entidades sociais e deportivas cando unen esforzos por unha causa común», expresaron.

