Un vehículo abandonado aparcado no helipuerto de Cangas.

Os populares alertan de que o municipio sufre unha vaga de vehículos mal estacionados, vados bloqueados e veciños atrapados nas súas casas ante a total ineficacia do servizo

O Partido Popular denuncia a «insostible situación de parálise e precariedade» que padece o servizo de guindastre municipal, privatizado polo goberno tripartito en favor dunha empresa externa con sede en Marín. Os populares acusan ao executivo de BNG, PSOE e EU de deixar o municipio completamente desprotexido e sumido nun caos circulatorio sen precedentes en plena campaña estival.

Coa chegada da tempada alta, Cangas multiplica de xeito exponencial a súa poboación flotante e, con ela, a saturación de tráfico e as necesidades de ordenación do estacionamento. Porén, a realidade diaria que sofren os veciños nas rúas e nas parroquias é dramática por mor da privatización do servizo.

Neste sentido, multiplícanse as queixas de residentes que se atopan atrapados nas súas propias casas, sen poder saír dos seus garaxes ou portais porque hai vehículos estacionados de xeito ilegal bloqueando os seus vados, sen que a grúa apareza. A este illamento veciñal súmase o colapso provocado polos coches mal estacionados, con condutores que quedan bloqueados por dobres filas ou vehículos en zonas de carga e descarga sen poder mover os seus automóbiles debido a que o guindastre municipal, ao xestionalo unha firma foránea, tarda unha eternidade en acudir ou directamente non cobre as quendas.

Desde o Partido Popular cualifican de «hipocrisía intolerable» a folla de ruta do tripartito. Mentres o BNG e os seus socios se enchen a boca dicindo que son os grandes defensores do público, á hora da verdade non lles treme o pulso para privatizar e enviar fóra de Cangas a xestión da grúa municipal. “Cangas nunca tivo tantos cartos nas arcas e, ao mesmo tempo, nunca sufriu unha precarización duns servizos básicos tan extrema», denuncian os populares.

O PP exixe ao goberno local que municipalice este servizo e, mentres isto acontece, tome medidas para fiscalizar á empresa contratada e garantir a prestación deste servizo. “ Teñen sometido a Cangas ao máis puro abandono por culpa da súa total incapacidade de xestión” rematan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *