As concelleiras cun can no acceso ao areal.

O Goberno local impulsará esta iniciativa para que Marín sexa un municipio que conta cun areal no que é posible gozar do verán coas mascotas

Os mellores amigos que temos tamén merecen poder gozar da praia no verán. Así o ten claro o Goberno local, que impulsará que a Praia da Ribeira Pequena sexa pet friendly todo o ano, sen que exista ningún límite horario para poder acceder ao areal cos cans.

As concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, acompañadas de Tambo, achegáronse ata esta praia, onde nestes días tamén arrancarán os traballos de reparación do trozo de muro e dos peldaños das escaleiras que se viron afectados polos temporais do inverno.

“Os cans son un máis da familia e son moitísimos os veciños e veciñas que teñen mascota e vense limitados no verán para gozar da súa compañía nun entorno privilexiado como son as nosas praias”, explicou Sanmartín.

Os areais da vila teñen actualmente unha limitación para a baixada de cans na tempada de máis afluencia. Concretamente, a ordenanza regula que entre o 1 de abil e o 16 de xuño así como entre o 16 e o 30 de setembro, non se pode estar cos animais na praia de 12.00 a 20.00 horas. Esta prohibición esténdese a todo o día entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

“Esa limitación manteríase no resto das nosas praias, que teñen ademais Bandeira Azul, o que esixe que se manteña esta medida, pero non existiría na Ribeiriña pequena, e así compatibilizamos todos os usos”, explican. Trátase, pois, como unha medida de ordenación, regulación e mellora da convivencia.

A Ribeira é unha praia máis pedregosa que as demáis e que ten zonas de sombra. “Por suposto, haberá esixencias de coidado do espazo”, explica Sanmartín. Entre outras cousas, a normativa recollerá a obrigación de manter o control do can para evitar molestias ao resto das persoas usuarias, a recollida inmediata de feces ou a de non alimentación na praia.

Desde o Goberno local traballarán para que esta nova iniciativa estea lista antes do verán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *