Exterior das carpinterías a piques de rematar as obras.

O corazón mariñeiro de Moaña volve bater na Seara. O Concello recuperou as históricas carpintarías de Carlagho e Casqueiro, devolvendo á vila un espazo cargado de memoria, oficio e tradición que desfrutarán veciñanza e visitantes nun escenario que combina historia e futuro. O Concello inaugurará este novo espazo o vindeiro venres 7 de novembro ás 19.00 horas cun acto aberto á veciñanza e que contará coa participación de autoridades, representantes do sector e persoas vencelladas á carpintaría tradicional, como Olga Rodríguez Díaz, escritora e herdeira dunha gran estirpe mariñeira, e arquitecto Óscar Fuertes Dopico, en representación do equipo de arquitectura responsable da redacción do proxecto e da execución da obra. Do eido cultural intervirán os músico Iván Costa Blanco, que acompañará o acto coa súa zanfona, e Xurxo Souto Eiroa, un bardo da nosa época que traballa arreo para coidar e divulgar a cultura do país.

Así mesmo, as persoas que se acheguen a este acto poderán desfrutar dunha exposición fotográfica que percorre a historia das carpintarías de ribeira no noso concello, exposición comisariada por Diego Seixo.

O proxecto, cofinanciado polo GALP Ría de Vigo – A Guarda, a Deputación de Pontevedra a través do programa PON2030 e con fondos propios do Concello, supuxo un investimento de case un millón de euros. O proxecto permitiu recuperar a configuración orixinal da carpintaría de Casqueiro, recreando a súa estrutura de madeira e converténdoa nun espazo expositivo, museístico e cultural, mentres que a de Carlagho se adaptou para acoller actividades, visitas guiadas e eventos orientados á preservación do legado mariñeiro local.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, subliñou que “esta recuperación é unha forma de devolver á veciñanza un espazo simbólico do noso pasado situado no corazón litoral, converténdoo nun punto de encontro, convivencia e lecer onde seguir poñendo en valor o patrimonio marítimo que define Moaña”. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *