O Concello súmase ao Plan +Rieiro e complementa esta revisión dotando de nova imaxe corporativa o cómputo das vivendas
O Concello de Vilaboa da un paso adiante na transformación dixital e modernización do territorio con dúas actuacións que se van desenvolver en paralelo e ao mesmo tempo. Por una parte a administración local está inmersa na revisión da nomenclatura de núcleos e lugares e na revisión da numeración de cada zona poboada.
Deste xeito en breve comezarase a colocación, de xeito totalmente gratuito, dun novo modelo de numeración de cada vivenda, dándolle así unidade estética a todo o municipio e facilitando o traballo tanto do persoal de Correos, como de transportistas e mensaxeiros.
Por outra banda, o Concello adheriuse ao plan +Rueiro, de transformación dixital e modernización de municipios da Deputación Provincial para actualizar o censo das vivendas.
Este convenio permitirá ao Concello realizar unha análise exhaustiva da información existente sobre o territorio municipal, revisando a nomenclatura oficial dos lugares e núcleos segundo os datos do INE e contrastando a situación actual da numeración dos inmobles. A cartografía seleccionada será preparada e adaptada para servir de base na fase de dixitalización, creando un proxecto en formato dixital compatible con sistemas de información xeográfica.
Sobre esta base integraranse diferentes fontes de datos, como os ficheiros catastrais e estatísticos municipais, ademais doutras capas relevantes como ortofotos ou calquera outro tipo de información que facilite o traballo técnico e de campo.
Implementarase unha plataforma baseada en software libre que permita xestionar e visualizar toda a información recompilada, vinculando cada inmoble co seu correspondente número municipal e a súa referencia catastral. Esta ferramenta contará con funcionalidades que favorezan a consulta e localización precisa dos elementos incluídos. Ademais, elaboraranse ficheiros específicos para facilitar a posterior actualización das bases de datos do Catastro e do INE, incorporando os cambios e correccións derivados do proceso de revisión. Cando a análise inicial non permita determinar a numeración exacta de determinados inmobles, realizaranse visitas sobre o terreo co obxectivo de identificar fisicamente os números existentes, detectar construcións sen numerar e comprobar a correspondencia entre a súa localización e os datos catastrais dispoñibles. Esta fase permitirá corrixir posibles erros e completar a información.
Unha vez reunidos todos os datos, procederase á súa análise, comparando a numeración oficial coa información do Catastro e completando o rexistro de cada elemento coa súa referencia, nome do titular, e calquera numeración anterior e nova.
No caso de detectar edificios sen numeración ou situacións que requiran renumeración para mellorar a coherencia do rueiro, estableceranse propostas que serán comunicadas ao Concello para a súa validación e posterior notificación aos propietarios afectados. O traballo someterase a exposición pública antes da súa aprobación formal.